Saturday 27 de April de 2024

A Xunta achega ao CPI Plurilingüe de Vedra os obradoiros Talento Mozo con casos de éxito da xuventude galega


A gañadora do premio Acción Voluntaria 2020 na categoría individual, Sofía Prol, e a directora de comunicación e marketing de viaqua, Sonia Delpont, mantiveron un coloquio co alumnado do centro

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e a de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, asistiron hoxe ao obradoiro Talento Mozo 2023 que tivo lugar no CPI Plurilingüe de Vedra e co que a Xunta de Galicia procura dar visibilidade á creatividade, ao potencial e á innovación da xuventude galega.

A través deste programa, que se pon en marcha este curso por primeira vez, estanse a facer unha trintena de coloquios nos centros de secundaria galegos para presentarlle ao alumnado casos de éxito da mocidade e promover que sirvan de referencia, co fin tamén de solucionar as dúbidas que o alumnado poida ter á hora de escoller estudos superiores e a súa posterior inserción no mercado de traballo.

Deste xeito, en Vedra, participaron na charla a gañadora do premio Acción Voluntaria 2020 na categoría individual, Sofía Prol, e a directora de comunicación e marketing da empresa Viaqua, Sonia Delpont. Ambas puideron darlle a coñecer aos estudantes a súa historia profesional, así como falarlles da importancia de potenciar habilidades persoais ou das oportunidades que existen en Galicia para desenvolver unha carreira profesional.